(Dirección de escena / creación)
O TEATRO É EFÉMERO PERO TAMPOUCO TANTO
22 e 29 de xuño, 6 de xullo / 10,00 – 14,00
Imparte: Tito Asorey
(Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño)
Tres mañás, tres obras, tres enfoques, tres metodoloxías. Son poucos os espazos que temos para falar do noso traballo cunha certa pausa. As obras pasan, acaba a última función e o carro da vida parece que nos leva á seguinte cousa, ao seguinte proxecto, nesta roda imparable no que convertemos o mundo. Pero, e se nos damos un tempo para pensar no que fixemos, e en que medida iso pode ser de interese para as demais creadoras? Durante tres mañás reunirémonos para analizar as metodoloxías e as convencións que deron forma aos tres espectáculos que tiven a oportunidade de dirixir con ilMaquinario Teatro: O Home Almofada, Perplexo e Resaca. Foi unha viaxe teatral intensa e interesante, xa que pode ser vista como unha sorte de paso dunha estrutura clásica a unha estrutura contemporánea, ou, se nos poñemos máis técnicos, un paso do drama ao posdrama. A través de tres charlas onde se mesturará o teórico co práctico, trataremos de reflexionar sobre o oficio de director de escena, o traballo dramatúrxico, a creación de convencións, os procesos cos actores e a elaboración dun repertorio.

Tito Asorey é licenciado en Historia e Arte Dramática (Dirección de Escena). Mestradoen Artes Escénicas. Compaxina desde o ano 2000 a súa dobre faceta como actor edirector de escena, tratando de establecer unha retroalimentación o máis frutífera posibleentre estes dous oficios.
Como director foi responsable de máis de vinte espectáculos realizados con todo tipo de
colectivos, tanto profesionais (Teatro de Adro, Centro Dramático Galego, Ainé Prod., Escénate…), como amadores. É confundador das compañías IlMaquinario Teatro e A
Quinta do Cuadrante, coas que puxo en pé os espectáculos O Home Almofada, Perplexo, Resaca e O empapelado amarelo. Estivo vinculado á Compañía Nacional de Teatro
Clásico durante os anos 2013-2014, na que ocupou o cargo de axudante de dirección e coordinador pedagóxico. Desde o ano 2018 colabora con Xose Antonio Touriñán, dirixindo
espectáculos como Somos Criminais ou a versión teatral de Fariña. Entre os galardóns que ten recibido destacan tres Premios nacionais de Teatro “Buero” (2007, 2008 e 2010),
así como cinco Premios María Casares. Foi candidato en catro ocasións aos premios MAX e candidato ao premio nacional de Dirección de Escena da ADE nos anos 2017 e
2021.