Dirixir unha posta en escena é escribir un discurso teatral mediante unha serie de ferramentas. Coñecer cales son e entender que as historias (discurso teatral) non teñen porque estar sometidas á linealidade nin á referencia empírica do mundo resulta ser o fundamento básico para construír calquera arquitectura. Porque iso é, en definitiva, unha historia: unha estrutura que só debe responder á coherencia interna do seu mundo. A diferenza da literatura dramática, a posta en escena debe estar argumentada no emprego sólido do traballo do actor así como do espazo onde se constrúe esa historia, que vén determinado pola iluminación, os obxectos físicos, o vestiario, o son … Todo o cal debe ser concibido nunha forma que lle dará o valor estético que definirá a creación teatral.
Traballarase na posta en escena do texto de Rodrigo García, Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo, que se presentará o último día do festival.

DOCENTE
Roberto Salgueiro dirixe a Aula de Teatro da USC desde o ano 1990, onde imparte aulas de interpretación, dirección e dramaturxia e escrita dramática.
Recibiu o premio para textos teatrais Álvaro Cunqueiro nas edicións de 1988, 2000, 2002 e 2007, o premio Abrente para textos teatrais no ano 2006, o premio Rafael Dieste no ano 2015, o premio de dramaturxia Carlos Couceiro no 2002, o premio do IV Torneo de dramaturxia de Galicia no 2020.
Asi mesmo, quedou finalista en diversas ocasións nos premios María Casares como autor, adaptador e deseñador de vestiario así como nos premios Max. Ten publicado diversos artigos e ensaios sobre a arte dramática.
Traballou para compañías como UVEGÁ-Teatro, Teatro da Lúa, Talía Teatro…
Como director ten dirixido máis de corenta espectáculos.