O VICIO DE ESTRUTURAR O CAOS
25 de xuño, 2 e 9 de xullo / 10,00 – 14,00
Imparte: Santiago Cortegoso
(Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño)
Os seres humanos somos un gran espectáculo cotiá. Somos unha especie complexa no medio de interrelacións complexas, de estruturas sociais creadas por nós mesmos que logo non controlamos, senón que nos controlan. Como individuo, observo e constrúo unha visión particular, unha sensibilidade, porque necesito ordenar o caos que me rodea. Non será a dramaturxia unha maneira de expresar esta visión singular a través dun traballo creativo?
A proposta é xogar: xogar a que somos creadores sen límites, nin de orzamento, nin de tempo, nin de conciencia. Temos moitos folios, todo un mundo do que falar, unha percepción da vida que nos individualiza… E vicio de escrita. Moito vicio.

Santiago Cortegoso empezou a súa carreira teatral como actor, para centrarse máis tarde nas facetas de director de escena e autor, nomeadamente á fronte da compañía IBUPROFENO TEATRO. Nos seus textos procura desenvolver unha linguaxe propia e recoñecible, caracterizada por un marcado contido político-social e un humor ácido e sarcástico. Os seus traballos recentes máis destacables son: O charco de Ulises (becado en Iberescena 2010, editado en Artezblai e estreado polo CDG en 2021), Raclette (Premio Álvaro Cunqueiro 2014, Premio María Casares 2017 a Mellor texto orixinal, Finalista nos Premios Max a Autor e Director 2017), Premio (para La Quintana Teatro en coprodución co CDG, 2020), O mel non caduca (2020) e Casa O’Rei (2018), ambas para Ibuprofeno Teatro.
http://www.ibuprofenoteatro.com/index.php/es/la-compania/santiago-cortegoso