INTERPRETACIÓN: COMO SAÍR DA ZONA DE CONFORT ACTORAL SEN TRAUMAS E CON FERRAMENTAS PARA A CREACIÓN_(mb)

«O longo da miña vida profesional teño traballado con todo tipo de actrices e actores, con formación regulada ou non, que seguían unhas técnicas interpretativas determinadas ou que construían as súas personaxes dunha maneira moito máis instintiva e libre. Porque cadaquén atopa o seu camiño na busca propia e constante, dependendo dos contextos e do tipo de traballo a realizar. Debemos aprender a escoller de cada técnica o que máis útil e necesario nos resulte en cada momento.

Un obradoiro é un lugar onde equivocarse, onde buscar o desequilibrio creativo fóra da zona de confort. Trátase de esculcar e descubrir ferramentas interpretativas e creativas que iremos utilizando en prol de acadar a verdade escénica. Con dous asideiros: a relaxación e a escoita.

A vida profesional das actrices e dos actores é moi esixente tanto no teatro (en calquera dos seus xéneros e estilos) coma na tv, cinema, etc.

É por iso que este tipo de obradoiros deben ser lugar para a creación, para a aprendizaxe en equipo, fóra das presións por chegar a resultados inmediatos, onde o máis importante debe ser o coidado do instrumento expresivo que somos nós: as persoas que nos dedicamos á interpretación”

DOCENTE

Rebeca Montero

Debuta como actriz ós 18 anos e licénciase en Arte Dramática pola RESAD, de Madrid, no ano 1992. Máis de 30 espectáculos teatrais fortalecen a súa traxectoria profesional, en compañías institucionais como o CDG ou o CDN e en compañías privadas como Lagarta, Lagarta, Noroeste, Caritel ou Zoa Produccións, entre outras.

No eido audiovisual participou en cinema e series de televisión: «Mareas vivas», Matalobos», «O faro», «Quien a hierro mata», «Todo es silencio», etc… e tamén forma parte de numerosos recitais poéticos.

Estivo nominada en cinco ocasións para os Premios María Casares e obtivo dous deles polas súas interpretacións en «A boa persoa de Sezuán», dirixida por Nuno Cardoso e en «O segredo dos Hoffman», dirixida por Rosa Álvarez. A nivel estatal tamén estivo  nominada para os Premios Max.

Anuncio publicitario