EM·NA
GLOVO. COLECTIVO EN DANZA
TERRAZA DO AUDITORIO DA UNIVERSIDADE
Duración: 30m

FICHA ARTÍSTICA
Creación e interpretación: Esther Latorre e Hugo Pereira
Espazo sonoro: BABYKATZE
Vídeo: Adrián González e Dani Rodríguez
Deseño de iluminación: Pedro Fresneda
Fotografía:Carlota Mosquera
Apoio en xestión: Manu Lago
Deseño de imaxe: Marcia Vázquez
Con axuda á creación: AGADIC, Xacobeo 21, Xunta de Galicia
Co apoio de: Teatro Ensalle, Galicia Danza Contemporánea, INAEM · Ministerio de Cultura · Gobierno de España, Concello de Lugo
Colabora: Escola Palimoco

SOBRE A PEZA
EM·NA baséase na idea da vibración coma elemento manipulador. É unha investigación sobre a «acústica subcutánea» a través da vibración e do silencio resultante no corpo do outro.
Cunha forte presenza do mundo e espírito xaponés, a duración de cada movemento e acción case parece a dun pensamento, propósito ou reflexión. A peza busca entretecer a orde, o caos, a pasividade e o eco da mente proxectada no corpo cambiante.
Un «momentum» sobre o tan chea e desbordada que está a mente humana e a necesidade de silencio.
EM·NA profunda na nosa realidade animal, instintiva e intuitiva.
EM·NA fala do que o corpo entende.
Autopiratería.
Corpo sensible
Corpo casa
Corpo enigma
Corpo social Corpo habitado

SOBRE A COMPAÑÍA
Colectivo Glovo nace no 2016 baixo a dirección de Esther Latorre (España) e Hugo Pereira (Portugal), xerando así un espazo de creación onde ambos, intérpretes e coreógrafos, desenvolven conxuntamente a súa faceta máis imaxinativa. Residentes en Galicia dende 2019, traballan na creación da escena tanto para teatros coma espazos non convencionais xa que un dos seus principais obxectivos coma compañía é aumentar as dimensións do alcance das dinámicas do corpo.
Glovo admite a súa paixón pola linguaxe do movemento e persegue a investigación das novas expresións escénicas partindo do propio corpo sen límites establecidos. Ademais, e paralela a esta faceta creativa, a cía. busca aportar semente ao tecido artístico presente na comunidade xerando espazos de colaboración con outras agrupacións e artistas procurando o achegamento entre o maior número de creadores, intérpretes e mentes-corpo inquedas.
Dende a súa fundación no 2016, Colectivo Glovo percorreu diferentes países como España, Portugal, Italia ou México, entre outros. Coa súa primeira peza M A P A, recibiu mencións en festivais coma Corto In Danza (Italia), La Espiral Contemporánea (Santander), así como o premio do público no Certame Coreográfico Internacional de Solos e Dúos Sólodos En Danza (Ourense) ou o Primeiro Premio no Certamen Coreográfico Internacional de Burgos & New York – Bailando con piedras.
Formou parte do circuíto Red Acieloabierto 2020 e dende 2018 colabora coa firma de moda Adolfo Domínguez (Premio Nacional de Deseño de Moda 2019).