O obradoiro propón unha achega á cultura e á técnica do Waacking dende o movemento e o traballo físico así como dende a teoría e a historia desta corrente.
A compañía proxecta tres sesións de dúas horas e media que se estruturarán da seguinte forma:
En primeiro lugar unha introdución teórica á historia e herdanza deste movemento, desde o contexto sociocultural do seu nacemento e a súa evolución ata a súa relevancia na cultura actual.
Un desenvolvemento das bases técnicas do estilo:
Acompañando ás asistentes a adentrarse e sentir o Groove Disco e como este se comparte en comunidade.
Ensinando a técnica básica de traballo de brazos centrándonos na expresividade das mans, na coordinación e na velocidade.
E guiando ás participantes para comprender a conexión do Waacking coa música. De que maneira esta pode xerar diferentes grooves no noso corpo, como podemos interpretar de modo literal, figurado ou abstracto as diferentes capas da música e como podemos utilizar as melodías, letras e ritmos para xerar historias e emocións co noso corpo.
Por último a compañía propón unha inmersión na parte máis cultural deste movemento, facilitando dinámicas para promover a expresión da individualidade, o empoderamento dos corpos e a forza colectiva.

DOCENTES
ELAHOOD
EIahood é unha compañía galega de danza urbana e creación contemporánea formada por Sabela Domínguez e Julia Laport no ano 2017. A compañía aposta por visibilizar as danzas urbanas como un medio de expresión lexítimo na danza profesional, sosteñen unha visión artística clara e directa, caracterizada pola súa linguaxe visual e musical cunha mirada cara fóra.
En xaneiro de 2018 estrean o seu primeiro espectáculo de longo formato A Soidade de Wally. Tamén contan con pezas curtas para rúa e espazos non convencionais; Impermeable (2018), Protocolo (2018), NOUA (2019) e Desvendando os meus pés (2021) coas que participan en diversos festivais; Festival Corpo(a)Terra, Festival Rúa ExtCénica, Festival Vai de Rúa, Festival Quincegotas e Loop Festival en Portugal.
A perspectiva de xénero e queer forma parte intrínseca da identidade de Elahood, motivándoas a presentar as súas creacións en contextos como o Festival Elas Son Artistas, o Proxecto de Acción Artística Violencia Zero ou o Festival Versión Orixinal, DT Espazo Escénico (Madrid).
Profesionalmente, tamén colaboran con outras compañías na creación e interpretación de proxectos escénicos: A love letter to humanity de Rachel Kay (2018), Clásicas Desfeitas Volume III: Orlando, A Consagración da Primavera e o Mito de Sísifo, unha co-produción entre o Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura (2021) e Replay 2.0 de Pisando Ovos (2021)

No mes de xullo de 2021 estrean o seu novo espectáculo para rúa e espazos non convencionais Intempestiva, unha peza de danza urbana inspirada na figura da recoñecida autora galega Xela Arias. Comparten este traballo en numerosos festivais e programacións e veñen de gañar o Primeiro Premio e o Premio da Crítica no Certamen Coreográfico de Madrid (2021) e o Premio a Mellor Espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres (2021).
O pasado mes de febreiro de 2022, estrean o seu novo espectáculo para teatros e auditorios, NÓ, unha co-produción co Centro Coreográfico Galego, da man de Gena Baamonde, Aina Lanas e Kenrick Sandy, con próximas paradas no Teatro Rosalía de Castro e no ciclo Lugo en Danza.
A súa actividade escénica vese acompañada dunha gran presenza na comunidade urbana, impulsando e participando en varios proxectos e eventos tanto a nivel nacional como internacional (Milan, Seoul, Paris, Bangkok…).
Combinan isto co seu papel pedagóxico onde levan a cabo numerosas formacións tanto presenciais dentro da comarca, como en liña onde participan bailaríns de diferentes países. Son coreógrafas e directoras do Colectivo D’elas.
PEZAS
- A Soidade de Wally (2018)
- Impermeable (2018)
- Protocolo (2018)
- NOUA (2019)
- Desvendando os meus pés (2021)
- Intempestiva (2021)
- NÓ (2022)
PREMIOS
- Primeiro Premio e Premio da Crítica por Intempestiva
CERTAMEN COREOGRÁFICO DE MADRID (2021)
- Premio Mellor Espectáculo por Intempestiva
PLATAFORMA DIÁLOGOS CONTEMPORÁNEOS FESTIVAL DZM (2021)