sábado 11 de xullo

salón teatro / 20,30h

DESPOIS DAS ONDAS

Butaca Zero

DURACIÓN: 80 minutos

FICHA ARTÍSTICA

En escena Belén Constenla, Nerea Brey, Sonsoles Cordón, Roi Fernández, Beatriz de Vega Esther Carrodeguas e Ernesto Is.

Cinema en directo Roi Fernández (Sr. Pausa Cinescapismo)

Espazo escénico  Beatriz de Vega

Taller e construción José Faro “Coti”

Vestiario Carlos Pinilla

Iluminación Javier Quintana

Asistencia técnica RTA

Texto orixinal Ernesto Is

Guión adaptado Xavier Castiñeira e Ernesto Is

Deseño gráfico Esmera Marketing Dixital e Alltogether Desing

Produción Esther F. Carrodeguas

Axudante de dirección Ernesto Is

Dirección Xavier Castiñeira

Unha produción ButacaZero en coprodución coa Deputación da Coruña.

O texto Despois das ondas foi Premio Rafael Dieste para Textos Teatrais 2017.

SOBRE A OBRA

Detrás das ondas é unha viaxe teatral que percorre as paisaxes da memoria da gran actriz coruñesa María Casares tras corenta anos de exilio.

No tren que a trae de volta, a gran dama do teatro francés rememora os episodios máis importantes da súa vida: a infancia na Coruña, Madrid co nacemento da república, o ascenso do seu pai Casares Quiroga a presidente, a chegada da Guerra Civil e con ela o exilio a París, os primeiros amores, o cine, o teatro … Cada vez máis preto do final da súa viaxe, Casares recorda os episodios máis duros: a morte da súa nai, a do seu pai , e especialmente o do seu eterno grande amor: o nobel Albert Camus.

Despois das ondas preséntanos a unha Casares que se se vai transformando á vista do público: rompendo coirazas, desmaquillando máscaras e pechando feridas vitais que levaban demasiado tempo abertas. A gran diva deixa de selo para ser, sinxelamente, María.

UN FILME EN DIRECTO

Un Talgo de xoguete nunha maqueta. Unha man acende o trenciño que comeza a moverse. Varias cámaras instaladas na maqueta gravan o seu movemento. Estas imaxes vanse proxectando inmediatamente nunha gran pantalla de cine De súpeto, en pantalla, o rostro da muller que vai dentro dese tren. Pronto descubriremos que é María Casares. Mais a actriz non só está na pantalla, senón tamén enriba do escenario, nun vagón a escala real. Todo o filme que estamos a ver constrúese no momento.

Así arranca esta obra de teatro. Non é máis que un exemplo do que se deu en chamar “cinema ao vivo”: o público pode desfrutar en directo da creación da maxia cinematográfica. Despois das ondas conta con 5 cámaras sobre as táboas, un set de gravación, maquetas, fotografías, xelatinas e anacos de filmes e documentais cos que o equipo técnico, á vista do público, vai  artellando o filme que vemos na gran pantalla colgada como pano de fondo.

CRÍTICA

  • ‘O biográfico e o histórico crúzanse, salferidos por unha tendencia lírica, case onírica […] Creo adiviñar unha homenaxe non só á Casares, senón, sobre todo, ás actrices, como unha especie de declaración de amor ás actrices.’ Afonso Becerra de Becerreá
  • ‘Na peza conflúen cinema e música en directo con proxeccións audiovisuais e música gravada dun xeito xeneroso, sen que a mediación tecnolóxica engula o que acontece en escena, respectando o lugar hexemónico do teatro, que tamén ocupa un posto privilexiado nos afectos de María’. Ana Abad de Larriva

TRAILER ‘DESPOIS DAS ONDAS’

Anuncio publicitario