sala de teatro Roberto Vidal Bolaño / 20,30h

O ESTADO CRU
Iria Sobrado
Duración: 55 minutos

FICHA ARTÍSTICA
Creación e interpretación Iria Sobrado
Texto vertebral Luís C. Mendes
Outros textos John Berger, María Alcantarilla, Gareth Evans, Iria Sobrado
Deseño de iluminación Afonso Castro
Vídeos Alexandre Fernández
Colaboran Rectoral de Amandi, Acacia Flores, Floristería Embora, Floristería Fiuncho, Lilas Floristas, Floristería Celtiflor, Ana Flores, Floristería Carmiña O Carballiño.
Agradecementos Camilo Franco, Fundación Luis Seoane, Área de Cultura de USC, Mercedes Rosón, Marcos Martínez, María Gutiérrez, Coralie Yap-Chine, Anna R. Figueiredo, Rubén Urdime, Pepe Galán, Salvador del Río, Pedro Fresneda. J e Helena.

SOBRE A OBRA
Iria Sobrado inclúe nesta proposta teatral o diálogo dunha perda. Ou dunha reconstrución, segundo miremos. O caso é que para reconstruír ao personaxe sobre unha posta en escena xeométrica, emprégase unha confabulación entre a palabra, a expresión corporal e os silencios.
Serve como limiar un texto de Cortázar. É así que a voz da artista convida a cavilar no amor, nas expectativas do amor físico sobre a mente do amante. Na esperanza. É entón cando se recolle ao espectador a ese espazo ben definido poboado pola decrepitude da natureza crúa, e sen adornos. Alí, descentrada, mostra do desequilibrio mental e sentimental de quen establece o diálogo, unha cadeira. Branca. Crúa. Sen máis.
Iria Sobrado tece a caída de alguén que se resiste a caer, que loita contra si propia e contra a forza da ira. Que chanzo a chanzo, se ve obrigada a vivir.
Faino servíndose dunha narración intelixente e crítica, polo directa e descarnada, que introduce ao espectador no celme mesmo da historia. Dirixíndose a un interlocutor ausente, artella unha loita desde as ruínas da mente confinada nese paralelepípedo estanco que lle limita o movemento. Nos silencios entre quen responde, que nunca queda claro se é externo á psique do personaxe ou é ela mesma, pequenos textos poéticos deitan luz sobre a temporalidade do suceso que desencadeou a crise.

Esa fuxida cara adiante, que se permite paradas para o berro, a reflexión e memoria, culmínase de xeito físico e brutal nos últimos minutos da proposta artística.
Por todo, o estado cru, desprové do artificial, do superfluo. Explora as diferenzas entre as feridas feitas co gume quirúrxico da navalla e os esgarros da carne.
Propón a solución máis difícil de levar a cabo. A da ruptura, a da valentía.
Iria Sobrado consegue ofrecer unha visión en múltiples perspectivas daquelo que só dialogamos co noso espello, consegue rexurdir, consegue probar, alén da dúbida, que a visión completa sempre é máis que a suma das partes.
O estado cru como a necesidade de cambialo todo, de amosar o que somos.
(Por Anna R Figueiredo)