Sábado 25 de xuño / 20:30h

SALA DE TEATRO ROBERTO VIDAL BOLAÑO

/duración 90m/

Presentación do Taller de Arte de acción

PAN, CHOCOLATE, PAN

Colles un pouco de chocolate… e dous anacos de pan…

e pos o doce no medio e fas un sándwich. E iso sería un pastel.

Andy Warhol

Este taller propón unha reflexión desde a práctica sobre os procesos de creación no eido da arte de acción. Tomando como base a experiencia das docentes en modos de traballo colaborativos, tanto no deseño como no desenvolvemento do seu labor artístico, apuntarase cara o exercicio da performance desde o interese en elaborar colectivamente unha receita para réximes disidentes.

DOCENTES

María Roja

Performer, artista visual e actriz. O seu traballo plástico e performativo amosouse en diferentes exposición e festivais organizados en galerías, museos, teatros e espazos alternativos nacionais e internacionais. É cofundadora dos colectivos áIntemperie, Blanco&Roja e Ohn, proxectos situados no campo da arte de acción. Rostro habitual das táboas e a ficción televisiva galegas, no campo da interpretación é salientable o seu labor en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática así como a súa participación en producións audiovisuais de corte experimental. No ano 2017 recibiu o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria. É Licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola UVigo e Titulada Superior en Arte Dramática pola ESADg.

É o lunar do Corpo Colectivo Transfronteirizo LÍMITES.

Míriam Rodríguez

Artista multidisciplinar, creativa, directora artística, cantante e actriz. Licenciada en Belas Artes cun Máster en Animación Audiovisual e Libro Ilustrado pola UVigo. A súa traxectoria é dispar, destacando: Co-fundadora do desaparecido colectivo artístico “Cállate Zorra” baseado en accións en contra da violencia de xénero e exintegrante do colectivo artístico “Cuadrante Norte”. Deseñadora da marca corporativa e ilustracións do proxecto do VeEspa Team formado por estudantes de Aeronáutica e Telecomunicacións da EPSC-UPC de Barcelona, gañando o CANSAT LEEM-UPM 2008 coa fabricación e lanzamento de satélites na categoria Rocket Telemetry. Seleccionada no IKAs-Art 2011 de Bilbao coa videocreación “PFM”. Dende o 2011 formou parte do equipo de animadores de stopmotion de Pascual Pérez, coñecido como “Pasku” ou “Hombre Sensato”, animador dos estudios Aardman, quedando finalistas co proxecto “Historia d´Este” nos premios Goya 2012. Co-fundadora e exvocalista do grupo de música “Broken Peach” e actualmente co-fundadora e musicobarista do pianobar literal e itinerante “Le BarLuthier”. Co-fundadora, directora musical e artística dos dous primeiros coroshows galegos “Allegreison” e “Summus Lac”. Actriz na compañía teatral “O eido da pequena” e integrante da compañía de Commedia dell´Arte “Indignati”.

É a fosa nasal do Corpo Colectivo Transfronteirizo LÍMITES.

Chucho González

Músico e técnico de son Nacido en Caracas, chega a España en 1999. Derrétese ante a batería e derivados da percusión dende cativo, experimentando con todo o que o rodea: buscando texturas, sons, desprazamentos rítmicos etc. Estuda Imaxe e Son en Granada e con iso abre mente e mundo para traballar tamén no campo audiovisual. Seleccionado no IKAs-Art 2011 de Bilbao coa videocreación “PFM” onde se encargou da ambientación sonora. Dende o 2011 formou parte do equipo de Pascual Pérez, coñecido como “Pasku” ou “Hombre Sensato”, animador dos estudios Aardman, quedando finalistas co proxecto “Historia d´Este” nos premios Goya 2012. Entre os diferentes proxectos musicais caben destacar o proxecto instrumental portugués Gnomon e a creación do pianobar literal e itinerante Le BarLuthier, sendo co-fundador e musicobarista deste. Co-fundador, director musical e artístico do segundo coroshow galego “Summus Lac”. No 2015 na ESMUC (Bcn) descubre da man de Rafael Reina o konnakol (sistema de patróns rítmicos do sur da India) e faino parte do seu selo.

É o óso esterno do Corpo Colectivo Transfronteirizo LÍMITES.

Anuncio publicitario