sábado 4 de xullo

sala de teatro Roberto Vidal Bolaño / 20,30h

FRONTEIRA PARAÍSO

Proxecto Cintaadhesiva (poesía + música electrónica)

Duración:        50m

FICHA ARTÍSTICA

Cintaadhesiva é un dúo que podería inserirse no xénero coñecido como “e-poesía”: poesía con música electrónica, xa que a electrónica é a base principal das composicións (con reminiscencias do post-rock, dream pop e ambient).

En directo compoñen o grupo: Jesús Andrés Tejada (guitarra e secuencias) e Silvia Penas (voz).

COMPOSICIÓN E CREACIÓN: Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas

MÚSICA: Jesús Andrés Tejada

TEXTO: Silvia Penas

VIDEOCREACIÓN: Jesús Andrés Tejada, Area Erina

SOBRE A OBRA

Fronteira Paraíso

A foto desenfocada de Paraíso non deixa fechar os ollos. Como será durmir nun un lugar que non é lugar? É un tempo, de noite? É a idealización que todas herdamos materializada nunha casa, unha fiestra, un xardín…Unha diana contra a que o propio amor dispara a matar.

Idilio terrible por impronunciable, querer traducilo a palabras e converter esa experiencia en ritual.

O poema é gritar salvaxemente e preguntarse como domesticar a frustración,éescribir o corpo e trazar un río-límite sobre o territorio informe da vida, é «limar a lingua, limar os labios» de desespero para chegar á fronteira e desfacela.

Franquear as múltiples portas, entregarse ás palabras, é bucear na superficie ou planear na profundidade; confrontarse coa herdanza colectiva que construíu un paraíso equivocado.

O proxecto Cintaadhesiva parte dunha relación estreita cos diferentes usos da cinta americana, fiso, pegamento e medio, blu tack e outro tipo de sistemas de fixación e ensamblaxe, agás o loctite e demais fluídos non flexibles, e a súa faceta para unir e superpoñer sempre sobre unha base porosa e escorregadía. Disciplinas como poesía, música, videoarte e posta en escena reméndanse unhas ás outras nun espectáculo pensado para o directo, para acción, pois xorde da intención de apelar á escoita e á visión pero tamén a outras partes sensibles e sensoriais do corpo de maneira que o que se produza sexa unha «vivencia», aínda que en contra desta afirmación existan varios volumes en á venda ou de libre escoita en bandcamp, o último, Fronteira Paraíso disco homónimo ao libro de poemas de Silvia Penas e fotografías de Jesús Andrés Tejada publicado pola Editora Urutau.

Anuncio publicitario